Artigo en Tempos Novos

Posted by javi vazquez on August 19, 2008

Na revista de agosto de Tempos Novos -Revista mensual de información para o debate- sae un artigo dun tal “Javier Díaz”, sobrenome erróneo do que suscribe 🙂

Pedíronme unha colaboración para a sección Tres en raia, co gallo da saída do Iphone e o debate da relación entre a tecnoloxía e as persoas.

Xa que Tempos Novos non publica na web, para que o artigo non quede so no papel, o inclúo a continuación:


A nosa (tormentosa) relación cos gadgets e a tecnoloxía

Recordando ao Inspector Gadget, debuxos animados dos 80-90 protagonizados por un detective torpe e despistado equipado con aparellos por todo o seu corpo, é sinxelo comprender o significado do termo gadget: trebello mecánico, dispositivo electrónico (no caso do Inspector, útil para nada e receita seguro de desastre).

O que subscribe, a modo de cyborg contemporáneo, é posuidor recoñecido de dous portátiles, outros tantos teléfonos móbiles, cámara dixital, Ipod, internet tablet… A situación do resto dos mortais lectores tal vez non sexa tan obscena pola promiscuidade de trebellos, pero seguro é parecida. Todos somos Gadget nalgún sentido, e a maioría tan ou máis desastre co debuxo animado á hora de manexar tanto aparello e intentar sacarlle partido.

Porén, a pesar da xeira de dispositivos que posuímos e da nosa torpeza con eles, sae a venda o popular Iphone e as colas nas tendas parecen as dunha final de Champions Madrid-BarÇa… A relación do cidadán medio coa tecnoloxía é, canto menos, de amor-odio, pero haiche algúns moitos fanáticos namorados dos gadgets, e outros moitos da estética plana e rechamante dos trebellos de Apple, aínda que sexa so para chamar por teléfono…

A min non me gusta o Iphone, un precioso aparello para presumir de cartos e teórico coñecemento tecnolóxico, pero en xeral pouco o nada “amigable” con Linux e os formatos de son e vídeo sen patentes ou/e DRM (Digital Righ Management), é dicir, pouco o nada compatible co software e formatos libres.

Máis aló de gustos persoais e cuestións éticas relativas ao Iphone, a tecnoloxía está tan presente no noso día a día que moitos dubidan sobre se nós a controlamos a ela, ou por contra é ela quen leva as rendas da relación.

Na miña opinión, é obvio que a maioría dos mortais non “controlan” de tecnoloxía, senón que coñecen tan so as funcións básicas imprescindibles para desenvolverse nunha sociedade cada vez máis dixital, moitas veces apoiados nun equivalente da sobriña que lle resolvía os casos ao noso benquerido Inspector Gadget sen que este se dera nin conta.

¿É, por tanto, a tecnoloxía a que nos controla a nós? Tampouco, os gadgets e demais derivados son meros instrumentos e non teñen control  ningún sobre outra cousa que non sexa un curmán electrónico. A tecnoloxía non nos domina, pero si nos condiciona e nos obriga a saber, coñecer, “controlar”… para non ser excluídos do dixital, do tecnolóxico, presente e futuro da nosa sociedade.

Os nativos dixitais, aqueles nacidos cunha PSP baixo do brazo e un móbil pegado á orella, entenderán a ubicuidade de conexión á rede e as infinitas posibilidades que elo supón, gozarán cos beneficios da tecnoloxía e, na maior parte dos casos, a controlarán. Por contra, os chegados a este mundo antes de “Naranjito” teremos moitos máis problemas para non sufrila.

O mundo, como foi sempre e sempre será, é e está por e para os xóvenes e, tamén, para aqueles que conseguen conservar o seu espírito xoven sabendo adaptarse as novas realidades. A tecnoloxía non nos domina, pero a algúns lle poden os cambios.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.