AGASOL, mancomun e software libre para PEMEs

Posted by javi vazquez on October 30, 2007

O próximo mércores 7 de novembre celébrase en Santiago de Compostela unha xornada de traballo sobre software libre para PEMEs organizada por mancomun.org.

A miña participación nesta xornada pasa polo inicio formal da colaboración da Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre (AGASOL) coa administración galega.

Como presidente de AGASOL, compartirei mesa redonda con Helena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria; e Francisco Rodríguez, membro do Grupo de Investigación de Ferramentas Abertas de Xestión Empresarial da ESEI de Ourense, da Universidade de Vigo.

O obxectivo desta xornada de traballo non é outro que iniciar un proxecto de repositorio de software libre destinado ás PEMEs galegas, contido como fórmula de promoción nun DVD apoiado, promovido e distribuido pola Xunta de Galicia.

Ademáis do propio software contido no DVD, sobre o cal falaremos durante a xornada, é necesario o compromiso e capacitación de empresas TIC galegas que poidan dar soporte ao mesmo, co fin último de implantar estas solucións no empresariado non TIC galego, mellorando a súa productividade e capacidade de innovación.

Se somos capaces de articular a colaboración de ‘n’ empresas TIC orientadas ás PEMES, para ofertar servizos sobre un paquete estándar de aplicacións e solucións de software libre, poderemos desenvolver un modelo de canal típico do mundo do software, onde:

  • O fabricante de sofware non é único, senón que se corresponde cos diferentes desenvolvedores das aplicacións e solucións libres.
  • O apoio de marketing e distribución ven dado non polo fabricante, senón pola administración pública galega.
  • O canal de implantadores, integradores e consultores está formado por empresas galegas de servizos TIC interesadas no software libre.

O papel de AGASOL non é outro que servir de interlocutor válido ante a administración nesta iniciativa, colaborando de forma directa co resto de asociacións TIC e contribuindo a articulación do modelo de forma sostible.

Eso si, a xornada de traballo do próximo mércores 7 de novembro non é máis que o primeiro paso para debater sobre as aplicacións a incluir e conseguir a masa crítica de empresas mínima necesaria.

Espero encontrarme alí co maior número posible de empresas de servicios TIC orientadas ás PEMEs, ben traballen agora con software libre ou privativo.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.