Asociación de Empresas Galegas de Software Libre

Posted by javi vazquez on May 11, 2007

Derivado da recente iniciativa para federar as distintas asociacións de empresas de Software Libre existentes na actualidade a nivel estatal, así como das numerosas mensaxes que recibemos nos últimos meses a favor da creación dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, desde Igalia cremos necesario o artellamento dunha comunidade empresarial específica do Software Libre en Galicia, a cal se integre na futura asociación estatal.

Por este motivo queremos convidar a todas as empresas interesadas a unha reunión a partir da cal lanzar de forma organizada esta idea.

A citada xuntanza está prevista para o mércores 23 de maio a partires das 17:30 , na sala de reunións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñería), no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxetivo concreto da mesma é avaliar directamente cos interesados a formación dunha asociación empresarial específica en torno ao Software Libre, para designar unha comisión responsable da formación da mesma, así como definir os mecanismos de comunicación e primeiros pasos a levar a cabo.

Para coñecer a iniciativa da federación estatal, así como coñecer as motivacións e experiencias doutras asociacións xa existentes, teremos como convidado a Daniel Armendáriz -Presidente de ESLE, a asociación de empresas vascas de Software Libre-.

A orde do día inclúe:

  • Presentación das motivacións e obxectivos da existencia dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.
  • Presentación da experiencia de ESLE no País Vasco.
  • Elección da comisión encarregada de formar a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.
Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.