Software libre e Universidade

Posted by javi vazquez on May 25, 2006

Co motivo do Día de Internet e Día das Letras Galegas, ambos o pasado mércores 17 de maio, celebrouse o martes anterior a Xornada de Software Libre no día de Internet, con diversas presentacións e mesas redondas sobor de software libre e universidade.

Na mesma, celebrada na Facultade de Informática da Coruña, participaron as 3 universidades galegas, no que foi a primeira dunha xeira de xornadas a institucionalizar, coa celebración os dous anos seguintes nas outras dúas.

Durante a mesa redonda onde estaban presentes as 3 universidades, Coruña, Santiago e Vigo, falaron das súas experiencias ou iniciativas referidas ó software libre.

A Universidade da Coruña (UDC), explicou polo miúdo as estratexias e accións futuras contidas no Libro Blanco polo Software Libre na UDC. A Universidade de Santiago (USC), expuso o seu plan estratéxico para as TIC, tocando ó relevante ó software libre, tanto para a propia universidade como no referido á difusión da tecnoloxía cara a sociedade e a empresa. A Universidade de Vigo, pola súa banda, explicou algún dos proxectos nos que utilizan software libre, principalmente en e-learning e videoconferencia.

O interesante, realmente, foi á referencia ó convenio firmado entre a UDC e a USC, as cales crearon un consorcio para compartir aplicacións, cunha filosofía basado no desenvolvemento de software libre, o cal facilitará a adhesión ó mesmo de novas universidades.

Unha das primeiras aplicacións a compartir podería ser a que está a ser desenvolvida pola USC en colaboración con nós, Igalia. Isto é, e-Sicus, aplicación de xestión presupuestaria na que seguiremos a traballar os próximos 12 meses. Se todo vai ben e a relación vía consorcio entre as dúas universidades da os seus froitos, e-Sicus podería converterse na primeira aplicación libre e publicada para xestión económica no ámbito universitario.

Na miña opinión, en 6-12 meses esta idea tornarase realidade, a ver se non me trabuco… 🙂

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.