Presentación de mancomun.org

Posted by javi vazquez on May 12, 2006

O pasado mércores 10 de maio presentouse en Santiago, no edificio da Xunta en San Caetano, a iniciativa galega polo software libre: mancomun.org

Os responsables de apresentala foron Fernando Blanco, Conselleiro de Industria, e Elena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. A presencia do Conselleiro, dalgunha forma, mostra o compromiso da Consellería coa promoción do software libre como ferramenta fundamental no avance da sociedade da información en Galicia.

O acto do mércores, non foi máis (nin menos) que o lanzamento público de varias iniciativas nas que levan traballando dende fai meses, tanto Elena como os seus colaboradores, xente do CESGA e das Universidades de Santiago e Coruña principalmente. A presentación sirve de inicio, de comezo oficial dun obxectivo moi lonxano e complicado de acadar: pecha-la fenda dixital co primeiro mundo.

Persoalmente, aínda que non son moi amigo dos actos publicitarios, gustoume a presentación. Encontrei moita xente coñecida e, para moitas das persoas do “raquítico” mundo TIC galego, este lanzamento é unha chamada de atención sobor dunha realidad que deixa así de ser axena. Moita xente abrirá os ollos á existencia dun movemento social polo coñecemento libre ligado a tecnoloxía (o software libre), ben cheo de oportunidades para a nosa sociedade e a nosa industria.

Agora “somentes” temos que difundi-lo coñecemento, primero para incrementa-la consciencia (awareness) da xente sobre a existencia do software libre, despois para facelos partícipes, sempre en prol do seu propio beneficio. Hai moito camiño por andar.

Se a vontade política para seguir andando tras este primeiro paso é o suficientemente forte, e ademáis somos capaces de transmiti-lo entusiasmo polo coñecemento libre á cidadanía e a industria, de seguro empezaremos a reduci-la fenda dixital.

O único que boto de menos é a falta de compromiso oficial e público co desenvolvemento da Sociedade da Información do propio Governo galego, empezando polo noso Presidente, o Sr. Touriño.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.