O Kernel de Linux: aspectos legais

Posted by admin on September 05, 2008

O kernel é un gran proxecto con moitos módulos e código de diversos autores coa posibilidade de ter licencias diferentes. Porén, debido a que nun primeiro momento foi licenciado coa GPLv2, as aportacións posteriores teñen que ser compatibles con esa licencia.

Así, na práctica, pódese dicir que o kernel está licenciado coa GPLv2, o que significa que é posible usalo para facer produtos derivados a partir dese código sempre e cando o resultado sexa licenciado cunha licencia compatible coa gpl.

A GPL e os Loadable Kernel Modules

A pesar da breve introdución que escribimos ó respecto das licencias e a xestión do copyright (tamén no ámbito galego), o mundo legal é complexo e existen algúns puntos grises que non están resoltos. Principalmente porque a GPL nunca tivo que enfrentarse a un xuízo no que se dictase sentencia. (ver comentarios: gracias Fran polas aportacións!).

Un dos aspectos grises é … ¿qué se considera traballo derivado?, e polo tanto, está baixo ás leis do copyright. A idea máis habitual neste sentido é que un programa de software B considérase traballo derivado dun programa A cando B reúsa código fonte de A.

Seguindo a anterior aseveración, os módulos que se cargan no kernel en tempo de execución non son considerados traballos derivados xa que non reúsan o código fonte do kernel (non son compilados como un todo), senón que simplemente fan uso das API públicas para “conectarse” ás súas funcionalidades (kernel e módulo compílanse por separado e o seu único contacto é como binarios en tempo de execución).

Así, sería técnica e legalmente posible realizar un módulo propietario para o kernel.

Mais existe unha razón principal (máis alá das éticas) que desaconsellan facelo: o mantemento do módulo será máis costoso. Ó ser propietario non é posible beneficiarse dos aportes da comunidade; esto implica, por exemplo, que ninguén avisará de cambios nas API do kernel, nin poderán ser correxidos os bugs: será necesario estar ó tanto dos cambios, realizar as probas de mantemento con cada versión publicada do kernel e actualizalo ó longo do tempo.

COPYRIGHT HOLDERS

Logo de analizar o kernel dende o punto de vista da licencia, facémolo agora dende o do copyright.

O copyright de cada unha das aportacións pertence ó propio autor que a realizou. A diferencia doutros proxectos (como o caso da FSF e da Fundación Apache), o kernel non pide unha cesión do copyright. Esta situación implica que un cambio de licencia debe ser negociado con todos e cada un dos implicados.

Por outra banda, a licencia GPL posúe un mecanismo que facilita o relicenciamento: existe unha cláusula coa que se pode indicar que o proxecto pode usar unha determinada versión da GPL ou calquera superior (x ex: GPLv2 or later, ver punto 9). O kernel tampouco usa esta fórmula.

Deste modo, vemos que futuros procesos de relicenciamento do proxecto requerirán o contacto e aprobación de cada un dos autores (que pode ser dificultoso como xa temos visto noutros casos: mozilla e kde), ou simplemente descartar ese código e refacelo dende cero.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.

  1. fpuga Mon, 08 Sep 2008 10:59:26 CEST

    Coido que a GPL si que foi posta a proba en xuízos [1] e outras licencias opensource [2] tamén.

    [1] http://barrapunto.com/article.pl?sid=06/09/23/1823209

    [2] http://www.lessig.org/blog/2008/08/huge_and_important_news_free_l.html

  2. amaneiro Mon, 08 Sep 2008 11:33:05 CEST

    Gracias Fran! Non coñecía que no caso D-Link sí se chegase a xuízo. Na totalidade dos casos que coñezo realizouse un acordo extraxudicial que non permitía comprobar a validez (ou non) da GPL ante un xurado.

    O caso da Artistic License sí o coñecía, mais non o referín aquí porque:

    * estaba falando da GPL 😉
    * a lexislación dos Estados Unidos difire bastante da europea, e non é seguro que Artistic License sexa considerada válida en outro país que non sexa Estados Unidos.

    Eu non son avogado e calquera anotación que faga aquí non debe ser entendida como unha tese nun xuízo. Para iso están os avogados.

    Mais un factor clave nas discusións legais reside en comprender que os casos non son extrapolables dunha lexislación a outra. A pesar dos acordos internacionais sobre propiedade intelectual, na práctica, o ámbito legal das disputas sobre copyright e propiedade intelectual no software é nacional.

    Por exemplo, en Francia, para que calquera texto legal teña validez debe estar dispoñible en francés; o texto da gpl está en inglés e adaptada á lexislación de estados unidos.

    Este tipo de detalles do sistema legal fan que non poidamos afirmar que as licencias de sw libre -en xeral- son aplicables a unha lexislación nacional determinada.

    A pesar disto, é certo que, ata o de agora, cada vez que entrou en litixio unha licencia open-source sacou resultados positivos (ben cun acordo xudicial, ben declarando a súa validez), o que nos fai pensar que son válidas en xeral.

    Mais unha tarefa moi positiva para o mundo do sw libre, sería facer o esforzo de adaptar a gpl (e outras licencias) ás lexislacións nacionais respectivas -esforzo que sí realizan dende o proxecto Creative Commons- para asegurarnos por completo da súa validez.