Copyright e licencia dos PFC nas universidades galegas

Posted by admin on July 11, 2008

Logo de dúas entradas onde falabamos a nivel global sobre o copyright e as licencias nun proxecto de software libre, neste post cubriremos os aspectos específicos que afectan ós PFC en cada unhas das universidades galegas.

Unha vez contactados os responsables das respectivas titulación e lidos os respectivos regulamentos, podemos dicir que a situación actual dos PFC das facultades de informática é a seguinte:

ENXEÑARÍA TÉCNICA INFORMÁTICA, USC

Na lexislación dos PFC da ETIS [PDF do regulamento] contémplase o seguinte:

Artigo 38. Dereitos do Proxecto
A propiedade intelectual do PFC, así como no seu caso os dereitos de
comercialización dos productos desenvolvidos ou deseñados, corresponden
conxuntamente o alumno que o realizou e o Director do mesmo.

No caso de realizarse o PFC no marco dun contrato ou convenio con algunha
entidade, os dereitos do PFC serán os recollidos en dito contrato ou convenio
baixo o disposto na lexislación vixente.

Artigo 39. Uso dos Proxectos
O traballo e os desenvolvementos do Proxectos poderán ser utilizados na
Universidade de Santiago de Compostela, sempre con mención específica ós
seus autores.

FACULTADE DE INFORMÁTICA, UDC

Como se pode ver no artigo 6 da lexislación dos PFC [PDF da regulamento] na FIC, a situación é similar á da USC:

A propiedade intelectual do traballo realizado nun proxecto corresponde ó autor deste, xunto co director, de forma compartida.

En calquera caso o traballo e os desenvolvementos do proxecto poderán ser utilizados para a docencia na universidade, sempre con mención específica ós seus autores.

Polo que podemos dicir, que, tanto na FIC como na ETIS, o copyright pertence de forma compartida ós autores (titor e alumno do PFC), e que existe unha licencia de uso en favor da universidade.

É distinto o caso da Escola de Informática de Ourense, onde non existe unha clara delimitación ó respecto.

ESCOLA DE INFORMÁTICA, UVIGO

Na normativa dos PFC [PDF] non aparece ningún apartado relacionado coa propiedade intelectual do mesmo. Porén, remitíndonos tanto ó regulamento xeral do estudantado (sección 3: dereito á propiedad intelectual):

4.- Os estudiantes conservarán o dereito á propiedade intelectual dos traballos orixinais por eles realizados. A publicación ou reproducción total ou parcial, ou a súa utilización para calquera outro fin, deberá contar coa autorización por escrito do seu autor/a.

.. e logo de ler a consulta realizada polo director da EI ó departamento xurídico da UVigo [PDF] (dispoñible na web da EI), pódese dicir que o copyright dos PFC nesta escola pertence ós autores (aínda que non se especifica si só ó alumno ou conxuntamente ó alumno e ó titor), mentres que non existe ningún sistema de licenciamento en favor da universidade.

Polo que vemos tanto neste post, como nos outros 2 anteriores, non existe ningunha barreira que impida licenciar os PFC como software libre.

Rematamos con éste os post dedicados a temas legais. Esperamos que quedasen suficientemente claros logo da visión global que lle dedicamos (falando de copyright e licencias) tanto como ésta máis específica referida ás universidades galegas.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.

  1. […] A pesar da breve introdución que escribimos ó respecto das licencias e a xestión do copyright (tamén no ámbito galego), o mundo legal é complexo e existen algúns puntos grises que non están resoltos. Principalmente porque a GPL nunca tivo que enfrentarse a un xuízo no que se dictase sentencia. (ver comentarios: gracias Fran polas aportacións!). […]