Últimamente estiven xogando con PhoneGap (que foi renomeado a Apache Callback, e agora a Apache Cordova) un framework para o desenvolvemento de aplicacións móbiles empregando técnoloxías típicas de desenvolvemento web coma HTML 5, JavaScript e CSS.
SergasApp
O resultado destes experimentos é a aplicación SergasApp, que permite a solicitude, consulta e cancelación de citas no SERGAS (Servizo Galego de Saúde) para o que emprega o Servizo de de Citas de Atención Primaria que proporciona o SERGAS.
Por outra banda, SergasApp proporciona un sistema para almacenar información de máis dunha tarxeta sanitaria, de xeito que as operacións anteriores (solicitude, consulta e cancelación de citas) poderán facerse dun xeito cómodo para os diferentes membros da familia unha vez configuradas as súas tarxetas. Para a configuración das tarxetas, a información necesaria é a mesma que se solicita no Servizo de de Citas de Atención Primaria, para isto proporciónase un formulario moi básico sen ningún tipo de validación polo que hai que ter coidado cos datos introducidos ou a tarxeta non funcionará.

Pantalla principal da aplicación
SergasApp está dispoñible para diferentes plataformas móbiles coma Android, BlackBerry, Symbian e WebOS (aínda que só foi probada en Android e BlackBerry) é pode descargarse dende a súa propia páxina web: http://mrego.github.com/sergasapp/
No caso de Android tamén a podedes atopar no Android Market (agora Google Play).
Polo momento non está dispoñible para iOS, pero podería estalo nun futuro xa que a tecnoloxía empregada para o seu desenvolvemento así o permite (ler máis abaixo para máis información).
Cabe salientar que a aplicación non é oficial, tan só é un experimento e seguramente teña múltiples erros. Polo momento cumpre as miñas necesidades para a petición de citas, pero pode fallar nalgúns casos ou deixar de funcionar en canto o SERGAS faga calquera cambio na súa web. Para iso convídovos a probala e enviarme calquer tipo de problema que atopedes.
Sobre o desenvolvemento
SergasApp foi desenvolvida empregando PhoneGap como plataforma base, jQuery e jQuery Mobile para a interfaz.
Como se explicou anteriormente a aplicación emprega o Servizo de de Citas de Atención Primaria de xeito que mediante peticións HTTP (GET ou POST segundo o caso), e procesado o HTML resultante con jQuery vai creando as diferentes pantallas para permitir as diferentes operacións. Isto provoca que calquera cambio que faga o SERGAS na súa web, ou calquera caso que non fora probado fará que a aplicación non funcione de xeito adecuado.
Para a xestión das tarxetas sanitarias empregouse a API de almacenamento de PhoneGap que permite a creación e uso dunha base de datos sinxela (neste caso só con unha táboa coa información das diferentes tarxetas configuradas).
SergasApp é software libre e está publicada baixo a Licenza Pública Xeral de GNU versión 3 (GNU General Public License version 3), podedes descargar o código fonte dende o repositorio Git: https://github.com/mrego/sergasapp. Polo que calquera contribución será benvida
Por outra banda, para a creación da aplicación para as distintas plataformas empregouse o servizo PhoneGap Build, moi sinxelo de utilizar xa que está integrado con GitHub e simplemente indicando a URL do repositorio xa constrúe a aplicación para os diferentes sistemas operativos.
Por último para a creación da páxina web utilicei Bootstrap e o soporte de páxinas web de GitHub. A páxina non é ningunha maravilla, pero quería aproveitar para probar isto tamén.
Búscase colaboracíon
Coma xa se explicou, SergasApp é un experimento polo que estaría encantado de recibir os vosos comentarios sobre o seu funcionamento, problemas, melloras na interfaz, un novo icono ou calquera outra cousa. Ademais podedes empregar o bugtracker para informar de calquera bug, solicitar novas funcionalidades ou enviar algún parche.
Por outra banda, non estou moi posto no mundo de Apple polo que pido disculpas anticipadas se o que digo aquí non ten sentido. Semella que para poder xerar a aplicación para iOS dende PhoneGap Build é necesario ser, o que eu chamaría, “iOS developer” (hai que configurar a segunte información iOS Certificate e Provisioning Profile Pair). Polo que se algún de vós cumpre os requisitos e quere xerar a aplicación para iOS e subila á Apple Store, estaría máis que agradecido
Espero que disfrutedes co meu último experimento!