AGASOL, mancomun e software libre para PEMEs

Posted by javi vazquez on October 30, 2007

O próximo mércores 7 de novembre celébrase en Santiago de Compostela unha xornada de traballo sobre software libre para PEMEs organizada por mancomun.org.

A miña participación nesta xornada pasa polo inicio formal da colaboración da Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre (AGASOL) coa administración galega.

Como presidente de AGASOL, compartirei mesa redonda con Helena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria; e Francisco Rodríguez, membro do Grupo de Investigación de Ferramentas Abertas de Xestión Empresarial da ESEI de Ourense, da Universidade de Vigo.

O obxectivo desta xornada de traballo non é outro que iniciar un proxecto de repositorio de software libre destinado ás PEMEs galegas, contido como fórmula de promoción nun DVD apoiado, promovido e distribuido pola Xunta de Galicia.

Ademáis do propio software contido no DVD, sobre o cal falaremos durante a xornada, é necesario o compromiso e capacitación de empresas TIC galegas que poidan dar soporte ao mesmo, co fin último de implantar estas solucións no empresariado non TIC galego, mellorando a súa productividade e capacidade de innovación.

Se somos capaces de articular a colaboración de ‘n’ empresas TIC orientadas ás PEMES, para ofertar servizos sobre un paquete estándar de aplicacións e solucións de software libre, poderemos desenvolver un modelo de canal típico do mundo do software, onde:

  • O fabricante de sofware non é único, senón que se corresponde cos diferentes desenvolvedores das aplicacións e solucións libres.
  • O apoio de marketing e distribución ven dado non polo fabricante, senón pola administración pública galega.
  • O canal de implantadores, integradores e consultores está formado por empresas galegas de servizos TIC interesadas no software libre.

O papel de AGASOL non é outro que servir de interlocutor válido ante a administración nesta iniciativa, colaborando de forma directa co resto de asociacións TIC e contribuindo a articulación do modelo de forma sostible.

Eso si, a xornada de traballo do próximo mércores 7 de novembro non é máis que o primeiro paso para debater sobre as aplicacións a incluir e conseguir a masa crítica de empresas mínima necesaria.

Espero encontrarme alí co maior número posible de empresas de servicios TIC orientadas ás PEMEs, ben traballen agora con software libre ou privativo.

  • Posted in AGASOL
  • Meta Comments Off on AGASOL, mancomun e software libre para PEMEs, permalink, rss

Asamblea constituinte de AGASOL

Posted by javi vazquez on August 01, 2007

Hoxe pola mañá celebrouse en Santiago de Compostela a asamblea xeral constituinte de AGASOL (Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre), durante a cal se elixiu xunta directiva e se aprobaron os seus estatutos.

Desta forma, nace por fin unha iniciativa empresarial galega orientada a:

  • Promocionar o Software Libre coma ferramenta válida para desenvolver a sociedade da información en Galicia.
  • Servir de interlocutor ante a Administración Pública galega, para apoiala e asesorala no proceso de migración e implantación de Software Libre e estándares abertos.
  • Fomentar e artellar a colaboración entre os seus socios, facilitando a xeneración de novas oportunidades de negocio en base á posta en común de coñecementos e experiencias, cun enfoque definido e baixo o “paraugas” dunha marca común.

AGASOL nace con 12 empresas socias: Aitire, Allenta, Bora Telecom, Igalia, Imagos, Inforede, Pexego, Redegal, Signo, Tegnix, Ultreia Comunicaciones e Wireless Galicia.

A xunta directiva queda conformada como segue:

  • Presidente: Javi Vázquez de Igalia.
  • Vicepresidente: Alejandro Escobar de Aitire.
  • Secretario: José Ramón Pena Rodríguez de Inforede.
  • Tesoureiro:Xaime Garaboa Fernández de Signo.
  • Vocal: Pedro Silva Franco de Tegnix.
  • Vocal: José Manuel Monteagudo de Bora Telecom.
  • Vocal: Xurxo Cegarra González de Wireless Galicia.
  • Vocal: Rubén Rodríguez Pérez de Imagos.

No mes de setembro, tralas vacacións, será presentada a súa web e seleccionarase o seu xerente.

Mentras tanto, calquera outra empresa interesada en coñecer con máis detalle as motivacións e obxectivos de AGASOL, pode porse en contacto conmigo mesmo ou calquera dos membros das restantes empresas socias.

Persoalmente, quero darlle as gracias tanto os membros de AGASOL coma os meus compañeiros en Igalia por permitirme iniciar este proxecto colectivo, o cal nace coa ilusión de servir como plataforma de despeque para as empresas de Software Libre dende Galicia para o mundo.

Resultado da Xuntanza: Asociación Empresas Galegas de SwL

Posted by javi vazquez on May 24, 2007

Como sabedes, onte mércores 23 de maio celebrouse una xuntanza de empresas na ETSE de Santiago de Compostela, co obxectivo de evaluar e debatir sobor da creación dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.

Nela, 10 empresas falamos sobre a necesidade, motivacións e obxecto de formar unha asociación que represente os intereses da industria do Software Libre en Galicia, coas conclusións básicas seguintes:

  • É necesario crear en Galicia unha Asociación de Empresas de Software Libre.
  • A Asociación estará aberta a todas aquelas empresas alineadas cos seus intereses:
    • Fomento do Software Libre como ferramenta útil para desenvolver á sociedade da información en Galicia.
    • Representación colectiva ante a Administración Pública Galega, para asesorala e apoiala no proceso de migración e implantación de Software Libre e estándares abertos.
    • Promoción da colaboración de negocio entre as empresas socias, así como servir de nexo de unión coas empresas do resto do Estado.
  • Formase un grupo de traballo para dar os primeiros pasos na creación da asociación.

Persoalmente, considero moi satisfactorio o resultado da xuntanza, tanto polos que estivemos presentes nela como polos que mostraron o seu interese, a pesares de non poder vir.

Nos próximos días seguiremos informando sobre os pasos que se vaian dando, estando dende xa abertos a sumar a outras empresas interesadas ao grupo de traballo formado onte.

  • Posted in AGASOL
  • Meta Comments Off on Resultado da Xuntanza: Asociación Empresas Galegas de SwL, permalink, rss

Xuntanza: asociación de empresas galegas de Software Libre

Posted by javi vazquez on May 22, 2007

Tal e como comentara neste mesmo blog fai uns días, mañá mércores 23 de maio ás 17:30 na ETSE de Santiago de Compostela, celebrarase unha xuntanza de empresas interesadas na creación dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.

Nela, explicaremos a nosa visión sobre a necesidade e obxectivos xenerales dunha hipotética futura asociación, prestando moita atención á opinión dos presentes.

O presidente de ESLE, Dani Armendáriz, estará connosco para compartir a súa experiencia no País Vasco, o cal servirá de referencia e tamén de posible nexo de unión das empresas dun e doutro lugar.

Para finalizar, confío en que o crecente interese xenerado estes días conflúa na creación dun grupo de traballo para a creación da Asociación.

Dende un principio, gustaríanos que este proxecto seguira un modelo o máis similar posible ao propio de colaboración do Software Libre, incluindo no mesmo a tódolos interesados, sen exclusións, con mente aberta e gañas de aportar opinións e traballo.

Persoalmente, teño a esperanza de que sexa o inicio da creación dunha industria galega forte ao redor do Software Libre. Máis será mañá cando comprobaremos o éxito da convocatoria.

Asociación de Empresas Galegas de Software Libre

Posted by javi vazquez on May 11, 2007

Derivado da recente iniciativa para federar as distintas asociacións de empresas de Software Libre existentes na actualidade a nivel estatal, así como das numerosas mensaxes que recibemos nos últimos meses a favor da creación dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, desde Igalia cremos necesario o artellamento dunha comunidade empresarial específica do Software Libre en Galicia, a cal se integre na futura asociación estatal.

Por este motivo queremos convidar a todas as empresas interesadas a unha reunión a partir da cal lanzar de forma organizada esta idea.

A citada xuntanza está prevista para o mércores 23 de maio a partires das 17:30 , na sala de reunións da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñería), no campus sur da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxetivo concreto da mesma é avaliar directamente cos interesados a formación dunha asociación empresarial específica en torno ao Software Libre, para designar unha comisión responsable da formación da mesma, así como definir os mecanismos de comunicación e primeiros pasos a levar a cabo.

Para coñecer a iniciativa da federación estatal, así como coñecer as motivacións e experiencias doutras asociacións xa existentes, teremos como convidado a Daniel Armendáriz -Presidente de ESLE, a asociación de empresas vascas de Software Libre-.

A orde do día inclúe:

  • Presentación das motivacións e obxectivos da existencia dunha Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.
  • Presentación da experiencia de ESLE no País Vasco.
  • Elección da comisión encarregada de formar a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.