Visita ó IES Chan do Monte

Posted by javi vazquez on March 16, 2006

O Instituto de Educación Secundaria Chan do Monte, en Marín, é un exemplo de como o software libre pode servir para dotar de novos servizos á comunidade educativa, así como facilitarlle a vida ó profesorado, valéndose da tecnoloxía e sen impactar negativamente no axustado presuposto dunha institución educativa.

O martes pasado fumos Miguel e máis eu ata Marín, para facerlle unha visita a Manuel Morán, enxeñeiro de telecomunicacións de Vigo metido a profesor de informática en secundaria.

Nós, en Igalia, levamos case 4 anos xestionando as aulas educativas do Concello da Coruña, e queríamos coñecer en primeira persoa as realidades, problemas e historias dunha implantación ad-hoc de software libre feito polos propios docentes.

O que máis sorprende da historia que nos contou Manuel non é o número de servizos que prestan a maiores grazas a utilización de software libre, nen tampouco os detalles da “cuestión tecnolóxica” do proxecto, senón a colaboración absoluta que tivo por parte dos seus compañeiros, e tamén a tranquilidade e positivismo adoptado cara o cambio.

Por norma xeral, un pode ter un concepto casi negativo dos funcionarios, en canto a súa pouca vontade de facer ou utilizar calquera ferramente nova. Sen embargo, o caso do IES Chan do Monte é o dunha mellora levada con ilusión, e con resultados reais para toda a comunidade educativa.

Eu vexo a utilización do software libre como a ferramenta fundamental para o cambio da filosofía na educación galega. A propia forma de ser da Comunidade do software libre leva implícito o esprito de aprendizaxe, innovación e colaboración que tanto necesitamos trasladar a nosa xuventude e a nós mesmos.

Non é só unha cuestión de cartos e liberdade, senón tamén dir camiñando cara a sociedade do futuro, unha sociedade baseada no coñecemento.

Trackbacks

Trackbacks are closed.

Comments

Comments are closed.