Prácticas de empresa en Igalia: procesando…

Posted by javi vazquez on May 20, 2008

Trala finalización da recepción de solicitudes o pasado domingo 18 de maio, agora estamos coa evaluación da información recibida. Ao longo desta semana, todos recibirides un email de Igalia para comentar se sodes citados ou non para a entrevista.

Este proceso de entrevistas rematará non máis aló do 6 de xuño, data límite para notificar as persoas que foron seleccionadas para facer prácticas connosco os meses de xullo, agosto e setembro.

A verdade, este ano é o que máis e mellores solicitudes recibimos. O impresionante número de 36 persoas nos escribiron interesados polas prácticas. Por este motivo, non poderemos entrevistarvos a todos, pero en calquera caso dende xa recibide o meu agradecemento polo voso enorme interese.

Nalgúns casos, teredes a oportunidade de intentalo de novo o ano que ven, como lle pasou a algún Igalio actual, Mario, quen un ano xa fai tempo recibiu un “amable email” (como el di :)) para informarlle que non fora seleccionado para as entrevistas, o ano seguinte volveuno intentar, e tralas prácticas daquel verán, hoxe é un membro máis da asamblea de Igalia.

Sorte a todos e grazas de novo!

III Día do Emprendedor: Google!

Posted by javi vazquez on May 08, 2008

Onte mesmo confirmou a súa presencia no itinerario de software libre dentro do III Día do Emprendedor Eduardo Manchón, quen traballa actualmente nas oficinas en Zurich de Google .

Eduardo é un dos fundadores de Panoramio, empresa española  de xeolocalización de fotos que foi mercada por Google en 2007.  Podedes ler a entrevista que lle fixeron  a Eduardo e o seu socio Joaquín no País o ano pasado.

Con todo, o programa definitivo, penso que moi interesante :), queda como segue:

09.30-10.15 “Gurús da Rede”

Juan Freire. Emprendemento, organizacións abertas, novos paradigmas…

Eduardo Manchón. Google, Panoramio, …

10.15-11.00 “Empresas preto de ti”

Igalia. Cooperativismo e software libre dende Galicia para o mundo.

Allenta. Roberto Moreda.

13.00-13.45 “Distintas fórmulas cara o éxito”

Ikusnet. Dani Armendáriz. Cooperación e horizontalidade en torno ao software libre.

e-Box. Nacho Correas. Na búsqueda de capital risco.

13.45-14.30 “100% software libre, pero _sen_ software”

Blobject. Alfredo Romeo.

Zemos98/Hapaxmedia. Felipe González e Rubén Díaz.

Non esperades para inscribiros a través da web do evento!.

III Día Galego do Emprendedor 2008: Software Libre

Posted by javi vazquez on May 06, 2008

O programa do III Día do Emprendedor xa está completo e pode ser consultado na propia web da xornada, da que extraio o texto de presentación seguinte:

O vindeiro 15 de Maio, Santiago de Compostela acollerá a celebración do III Día Galego do Emprendedor. No ámbito da iniciativa promovida dende o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para a realización destas xornadas sobre emprendemento en todas as Comunidades Autónomas, o Igape e BIC Galicia impulsan este evento co obxectivo fundamental de promover e alimentar o espírito emprendedor e, deste xeito, transmitir as claves que permitan emprender en Galicia nun ámbito de innovación e competitividade.

Baixo o paraugas de AGASOL e a través de Igalia, confeccionamos o itinerario adicado a Software Libre e modelos abertos de negocio, co programa seguinte:

09.30-10.15 “Gurús da Rede”

Juan Freire. Emprendemento, organizacións abertas, novos paradigmas…

10.15-11.00 “Empresas preto de ti”

Igalia. Cooperativismo e software libre dende Galicia para o mundo.

Allenta. Roberto Moreda.

13.00-13.45 “Distintas fórmulas cara o éxito”

Ikusnet. Dani Armendáriz. Cooperación e horizontalidade en torno ao software libre.

e-Box. Nacho Correas. Na búsqueda de capital risco.

13.45-14.30 “100% software libre, pero _sen_ software”

Blobject. Alfredo Romeo.

Zemos98/Hapaxmedia. Felipe González e Rubén Díaz.

Tendo en conta o elevadísimo número de persoas que acudirán as diferentes sesións paralelas, é recomendable rexistrarse a través da web do evento.

Prácticas de empresa verán 2008 en Igalia

Posted by javi vazquez on May 05, 2008

Igalia, empresa galega de Software Libre, ofrece por sétimo ano consecutivo a posibilidade de realizar prácticas na empresa durante este verán nas súas instalacións de A Coruña ou Pontevedra, a estudiantes de Enxeñería en Informática ou Enxeñería Técnica en Informática con máis do 50% dos créditos superados.

Por que o facemos?

  • A maioría de nós fixemos prácticas en empresa cando eramos estudiantes.
  • É unha boa forma de devolverlle algo a Universidade da que vimos.
  • Tamén é unha boa maneira de contratar xente. Case o 50% das persoas que fixeron prácticas connosco no pasado forman parte da empresa na actualidade.

Como son?

  • Un total de 350 horas cunha planificación flexible de 5 a 8 horas diarias durante os meses de xullo, agosto e setembro.
  • 325 horas traballando nun proxecto de Software Libre e 25 horas para redactar a memoria.
  • Axuda de 1,000 €.

Se estás interesado en optar ás prácticas, o período de recepción de solicitudes abrangue abrangue dende o 5 ata o 18 de maio.

Por favor, envíanos a túa carta de presentación, CV e copia do expediente académico a rrhh@igalia.com, indicando “[internship] Apelido, Nome” no subject.

Máis información: http://www.igalia.com/igalia/workwithus/internship/